Presentación: “Cara unha axenda territorial de Galicia”

20 Out 2022

O vindeiro mércores 26 de outubro ás 17:30 celebrarase o acto de inicio de proxecto “Cara unha axenda territorial de Galicia”, traballo coordinado pola Fundación RIA en colaboración coa Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Arquitectos.

A xornada, que terá lugar no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela, presentará a visión e obxectivos deste ambicioso programa a través dos representantes das entidades promotoras e de expertos de recoñecido prestixio.

Como acto central, desenvolverase un debate moderado por Luís Fernández-Galiano Ruiz (Arquitectura Viva) no que David Chipperfield (Fundación RIA), Josep Bohigas Arnau (Barcelona Rexional), Lourenzo Fernández Prieto (Universidade de Santiago de Compostela) e Almudena Fernández Carballal (Universidade da Coruña) debaterán sobre a visión, os retos e as prioridades dun novo modelo territorial para Galicia.

Investigación, participación e colaboración para alcanzar unha visión consensuada

En colaboración coa Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Arquitectos, a Fundación RIA coordinará un proceso para o deseño preliminar dunha axenda territorial que sitúe a Galicia como referente europeo de sustentabilidade no horizonte 2030. Contando co asesoramento dun comité científico e a implicación dos diferentes niveis da administración, a súa misión é promover unha gobernanza coordinada que permita mellorar a relación entre o construído e o natural.

Entre outros obxectivos, búscase mellorar as contornas habitables de pobos e cidades; integrar sistemas produtivos agroforestais que preserven a biodiversidade; xestionar a auga, a enerxía e os residuos desde unha lóxica de circularidade; ou articular o territorio a través dunha mobilidade sostible.

Os primeiros resultados do traballo presentaranse a principios do ano próximo e pretenden establecer unha nova visión común sobre a estrutura do territorio galego e a súa sustentabilidade. Unha visión que fixe as prioridades para abordar polos futuros plans e estratexias e que estableza mecanismos para o seu control e seguimento.

Asistencia ao acto

O evento, aberto ao público ata completar aforo, tamén será retransmitido en directo na canle de Youtube da Fundación RIA. O mércores 26 de outubro ás 16:00 habilitarase o acceso á retransmisión desde a seguinte ligazón:

Acceso á retransmisión en Youtube (pendente)

A mesa redonda se levará a cabo en Galego, Castelán e Inglés. Habilitarase tradución simultánea para aqueles asistentes en persoa que o requiran.

Por motivos de aforo, para asistir ao acto requírese a inscrición individual anticipada a través do seguinte formulario. Se hai prazas libres, enviarase a confirmación de asistencia ao enderezo de correo electrónico facilitada no formulario de inscrición ao acto.

Fonte: Fundacion RIA.

Compartir

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.