Workshop internacional de paisaxe: Patrimonio Rural e Paisaxe. Castro de Doade (Lalín)

27 Abr 2022

A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega en colaboración do museo etnográfico Casa do Patrón, organiza o seminario internacional de paisaxe que leva por título Patrimonio rural e Paisaxe, que terá lugar do 4 ao 7 de maio no Museo Casa do Patrón, en Doade.

O concepto da paisaxe toma grande relevancia dende a aprobación do Convenio Europeo no ano 2000, ao recoñecer nela o seu valor como ben “de interese xeral nos campos cultural, ecolóxico, medioambiental e social, que constitúe un recurso favorable para a actividade  económica”, establecendo por tanto como obxectivo promover a súa protección, ordenación e xestión”, valéndose para iso da identificación do carácter das paisaxes, e da súa dimensión tanto física, como asociada á percepción, á historia e á memoria.

A estrutura do territorio rural representa o marco da organización social e económica en todas as sociedades, e constitúe un dos elementos básicos dunha paisaxe cultural. Nesta paisaxe identifícanse estruturas de épocas pasadas que aínda hoxe persisten en moitos lugares na memoria colectiva local e na toponimia.

O Castro de Doade atópase na parroquia que lle da nome,  pertencente ao concello de Lalín, territorio incluído na grande área paisaxística de Galicia Central, na comarca do Deza, unha comarca que conta cunha paisaxe tradicional agrogandeira ben conservada.

As formas suaves dun relevo de serras e vales fundamentado nunha densa rede hidrográfica, a presenza dun rico mosaico agrogandeiro e forestal, e a conservación da estrutura tradicional do hábitat son os sinais de identidade dunha paisaxe rica, ademais, en patrimonio arqueolóxico e etnográfico.

O castro de Doade é un deses exemplos do patrimonio rural,  un espazo habitacional fortificado, que ocupa case unha hectárea, posiblemente dedicado á obtención de recursos. Puido ter estado habitado ao longo da Idade do Ferro e o período Romano.

O museo etnográfico Casa do Patrón, que acolle este seminario, leva anos traballando pola investigación e difusión deste e outros xacementos existentes na contorna.

A situación na que se encontra o medio rural en Galicia é certamente complexa e está relacionada có peso da actividade agraria e a densidade da poboación, e asociada tamén a factores como o avellentamento da poboación, o illamento respecto ao sistema urbano, os baixos niveis de renda e as deficientes dotacións de equipamentos.

Unha paisaxe de calidade constitúe un recurso clave para o desenvolvemento rural. A paisaxe rural é un auténtico gancho turístico en rexións europeas. A beleza das paisaxes, a riqueza cultural e a gastronomía son os uns dos principais motivos dos turistas para elixir o seu destino, e ao mesmo tempo xunto có patrimonio asociado configuran a identidade social e territorial.

Neste contexto faise precisa unha reflexión desde o ámbito da paisaxe sobre a súa configuración, reciclaxe e ordenación. O impacto dos novos usos e o importante patrimonio rural xunto coa calidade ambiental do mesmo, fan máis necesaria se cabe esa reflexión.

Máis información e inscricións.

Compartir

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.