Evento Piñeiros´22

10 Out 2022

A Fundación Arume organiza o martes 25 de outubro o Encontro Piñeiros 22, que se desenvolverá no auditorio do Edificio Fontán, na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Tralo éxito da primeira edición de Piñeiros, celebrada o pasado ano, esta segunda edición parte cun enfoque transnacional e congregará a destacados profesionais e investigadores de España e Portugal.

O Encontro Piñeiros 22, que leva este ano por lema ‘A cooperación Galicia – Portugal’, abordará como principais eixos temáticos dúas cuestións claves: a sustentabilidade do recurso en monte, que é un dos grandes desafios do sector, e a tendencia en auxe da construción en madeira, que representa unha oportunidade para toda a cadea forestal.

O evento, que está cofinanciado pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), poderase seguir de xeito presencial ou online. En ambos casos requírese unha inscripción previa a través da seguinte web: FORMULARIO INSCRICIÓN PIÑEIROS’22.

O panel de relatores do Encontro intersectorial Piñeiros 22 inclúe a destacados profesionais de España e Portugal, tanto do ámbito empresarial como do investigador e técnico, así como a representantes políticos.

O programa configúrase en tres coloquios temáticos. O primeiro deles leva por título ‘Os montes de piñeiro, a sustentabilidade do recurso e a industria da madeira’, e contará coas intervencións de Susana Carneiro (Centro Pinus, Portugal) e de Juan Picos e Julia Armesto (Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Uvigo), baixo a moderación de Nuno Calado, de Sonae – Arauco, unha das principais empresas consumidoras de piñeiro en Portugal.

O segundo bloque tématico centrarase nas oportunidades de mercado que se lle presentan ó recurso. Baixo o título ‘A madeira como material esencial na construción’, contarase coas intervencións de Daniel Ibañez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña; de Juan Antonio Gómez – Pintado, presidente da Asociación de Promotores e Constructores de España; de Sandra Llorente, directora xeral de Lignum Tech; e de Antonio Carlos Rodrigues, director xeral do Grupo Casais. Modera Emma Romero, da plataforma Wood is Wood.

O último dos bloques temáticos titúlase ‘A cooperación Galicia – Portugal’ e incluirá dous relatorios. Un primeiro sobre os retos da mellora xenética e da resiliencia nos montes de coníferas, a cargo de Raquel Díaz (Centro de Investigación Forestal de Lourizán) e de Isabel Carrasquinho, do Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária. O segundo relatorio deste último bloque abordará unha experiencia de cooperación transnacional doutro sector económico con peso en Galicia e Portugal, o metalúrxico, cunha intervención a cargo de Enrique Mallón, director xeral da Federación Luso-Galaica de Industriais Metalúrxicos. Modera Nuno Almeida, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Programa Piñeiros.

Compartir

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.