Os arquitectos Xosé Manuel Rosales e José Luis Pereiro son recoñecidos coa distinción Profesional Colexiado do Ano da Unión Profesional de Galicia

30 maio 2022

A Xunta de Goberno do COAG propuxo a súa candidatura a estes galardóns ao estar convencida de que “se debe premiar o labor de aqueles que basearon o seu traballo no servizo á sociedade”, considerando que ambos responden a esta directriz aínda cando as súas traxectorias foron diferentes.

Os arquitectos Xosé Manuel Rosales e José Luis Pereiro, colexiados do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), recolleron o pasado venres a súa distinción Profesional Colexiado do Ano da Unión Profesional de Galicia, na categoría de Arquitectura, nun acto celebrado na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago (Rosales premiado na edición de 2020 e Pereiro na de 2021). Esta distinción pretende facer visible e recoñecer pública e conxuntamente a traxectoria dos profesionais colexiados, dos diferentes ámbitos profesionais que foran exemplares no exercicio da súa profesión, que teñan velado pola excelencia na prestación de servizos á sociedade, que destacaran pola súa contribución ao prestixio da profesión, e que traballaran para transmitir á sociedade galega os valores das mellores prácticas profesionais por riba dos intereses particulares.

• Rosales, colexiado desde 1987, liderou o ProxectoTERRA ata a súa xubilación para achegar a arquitectura, paisaxe e territorio ao ámbito educativo.
• Pereiro, colexiado desde 1971, exerceu funcións na Administración Pública ademais de ter multitude de obra arquitectónica por toda Galicia e realizar traballos de planeamento urbanístico.

Enlace á gravación do acto: https://youtu.be/Fdf186Fe76A

O arquitecto e docente Xosé Manuel Rosales Noves (Pontevedra, 1958) está colexiado no COAG desde 1987. Tras unha feliz infancia e mocidade na súa cidade natal, aos catorce anos trasládase á Coruña para estudar, primeiro na Universidade Laboral e despois na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSA) acabando os seus estudos en marzo 1985. Ese mesmo ano presentouse ás oposicións de profesor de Debuxo para Educación Secundaria, e desde o curso 85-86 a docencia foi a súa principal ocupación ata que se xubilou en xaneiro de 2019 coa condición de catedrático e cun Máster en Planificación Urbana e Territorial, obtido no 2000 na Universidade da Coruña.

Na súa traxectoria, Rosales tivo a fortuna de gozar tamén do exercicio da arquitectura, realizando catorce proxectos –algúns en colaboración–, “sendo a maioría vivendas unifamiliares para amigos que non deixaron en ningún momento de selo e cos que sigo compartindo o goce dos espazos domésticos que creamos conxuntamente”. A súa última obra construída, finalizada no 2006, foi unha vivenda unifamiliar no lugar de Tellada, en Betanzos, en colaboración co arquitecto Gonzalo Crecente Maseda, un proxecto que obtivo o Premio Juana de Vega de Arquitectura.

Tamén foi profesor da ETSA da Coruña, desde 1992 ata setembro de 2018, primeiro no Departamento de Representación e Teoría Arquitectónicas e finalmente no Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición. Neste período, colaborou estreitamente con Pedro de Llano na montaxe de exposicións sobre Arquitectura Contemporánea. “A aprendizaxe é o máis importante, aínda que tendo claro que se poden facer moi poucas cousas, e para o que será preciso acadar complicidades e conseguir colaboracións para que calquera iniciativa teña un mínimo de éxito” –sinala–. No ámbito educativo, Rosales apunta que é fundamental reorientar o sistema para cambiar a dinámica de aprendizaxe a través de proxectos coa integración das diferentes áreas de coñecemento, para así difundir a educación sobre a paisaxe, arquitectura e territorio.

Rosales: “Vinte e dous anos despois, o ProxectoTERRA segue aportando formación e recursos educativos ao mundo da educación en Galicia”

A súa preocupación e especial interese por achegar o mundo da arquitectura á cidadanía, levouno a propoñer o ProxectoTERRA, conformando equipo xunto con Pedro de Llano, Juan Luis Dalda e Antonio Díaz. Foi o seu coordinador desde os seus inicios en xaneiro do 2000 ata xaneiro de 2019.

O ProxectoTERRA é un proxecto do COAG de cooperación co mundo da educación co que se achegan formación e recursos educativos sobre arquitectura, paisaxe e territorio para cada unha das distintas etapas dos 0 a 18 anos contando en todo momento coa colaboración esencial do profesorado de cada nivel educativo. Todos os recursos elaborados están presentes en todos os centros educativos de Galicia de Educación Infantil, Primaria e Secundaria grazas ao apoio institucional recibido da Xunta de Galicia desde o ano 2003.

A iniciativa recibiu o Premio Nacional de Urbanismo 2010 do Ministerio de Fomento e o Premio da Crítica de Galicia na categoría de Iniciativas Culturais 2011. “Vinte e dous anos despois, o ProxectoTERRA sigue aportando formación e recursos educativos ao mundo da educación en Galicia” –apunta Rosales–.

De 2016 a 2018 foi tamén o coordinador executivo da organización de LUDANTIA I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade, posible grazas á implicación do Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e o COAG. Este congreso tivo lugar en Pontevedra en maio-xuño de 2018, “unha formidable experiencia que me permitiu coñecer e achegarme ao entusiasta colectivo internacional implicado na educación en arquitectura”. Actualmente, Rosales confesa estar en novas andainas estreitamente vinculadas á divulgación dos “enormes valores que a arquitectura e o territorio poden achegarnos nas nosas vidas”.

Arquitectura asistencial, comercial, deportiva, docente, hostaleira, relixiosa, funeraria, sanitaria, de rehabilitación urbana e de vivenda

José Luis Pereiro Alonso (Vigo, 1943) graduouse en Arquitectura pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid en 1971 na especialidade de Urbanismo, ano no que tamén se colexiou, e convértese en doutor arquitecto en 1978, trala presentación da tese de doutoramento na Escuela de Arquitectura de Madrid con cualificación de sobresaínte con titulo “Desarrollo y deterioro urbano de la ciudad de Vigo” do recinto amurallado ao plan Palacios (1932), tese editada posteriormente polo COAG. Traballou como arquitecto municipal do Concello de Vigo de 1971 a 1986, tomando posesión da praza por oposición en 1978.

Antes, en 1972, foi nomeado arquitecto xefe da Oficina de Urbanismo do Concello de Vigo, actividade que desempeñou ata a súa incorporación á Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas da Xunta de Galicia. Foi nomeado en 1985 arquitecto superior do Consorcio das Contribucións Territoriais de Vigo en representación do Concello.

En 1986 foi nomeado subdirector Xeral de Urbanismo da Consellería de Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia. Entre maio e decembro dese mesmo ano preside as Comisións Provinciais de Urbanismo da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Foi designado tamén membro do equipo encargado de elaborar o borrador do Regulamento da Lei 11/85 de Adaptación do Solo a Galicia.

As súas obras alcanzan case a totalidade das tipoloxías existentes. Realizou obras asistenciais como o Centro de Saúde de Salvaterra de Miño, innumerables centros comerciais, varios pavillóns municipais e o mercado do Concello de Redondela. Na categoría de edificios docentes destaca o Centro de Investigación Química da Universidade de Santiago, denominado CIQUS. Conta con máis de trinta proxectos hoteleiros entre os que se atopan o hotel Palacio del Carmen en Santiago e a reforma do Hotel Riazor na Coruña. Nos últimos anos destaca o seu labor no campo da rehabilitación. Colaborou con varios arquitectos, destacando a súa colaboración con Jean Nouvel na rehabilitación do Palacete de Espiño e a urbanización do parque de Espiño. Realizou multitude de obras na categoría de vivenda colectiva, chegando a proxectar ao longo da súa carreira numerosas vivendas e conxuntos. “Mellorouse moito desde o punto de vista arquitectónico nos últimos anos. Hoxe o aforro enerxético é primordial, e a rehabilitación unha parte fundamental da obra para recuperar o pasado” –engadiu–.

Tamén realizou multitude de traballos de planeamento urbanístico, como a redacción de plans especiais, plans parciais, plans de extensión e reforma interior, normas subsidiarias, diversos estudos, proxectos de remodelación, revisión e adaptación de leis urbanísticas, PERIS, proxectos de reparcelación e outros.

Recibiu numerosos recoñecementos ao longo da súa traxectoria, entre os que destacan os premios do COAG; o primeiro premio e dous accésit do concurso de Modelos Arquitectónicos de vivendas unifamiliares do Medio Rural da Xunta de Galicia en 1993; o Premio Europa Nostra pola rehabilitación de Antiga Fábrica de Curtidos do barrio do Carme de Abaixo, en Santiago, para vivendas en 1994; o Best of Wine Tourism Awards 2006 de San Francisco (EE.UU.) pola mellor realización arquitectónica do mundo no sector do enoturismo pola intervención realizada en Bodegas Calem (Oporto), obra na que se divertiu especialmente e que recorda con orgullo por ter traballado con seu fillo, tamén arquitecto; entre outras moitas distincións.

Ademais de participar en diversos cursos sobre urbanismo, impartiu tamén relatorios e desenvolveu traballos e multitude de publicacións ao longo da súa traxectoria. Entre as publicacións realizadas sobre a cidade de Santiago destaca unha especialmente, “Rincones de Compostela” na que se vai descubrindo o admirable labor arquitectónico que proxectou en Santiago o seu bisavó Manuel Pereiro Caeiro, mestre de obras titulado pola Escuela de Arquitectura de Madrid. A finais do século XIX, Pereiro Caeiro foi nomeado arquitecto municipal de Santiago, deixando unha obra de gran interese que se analiza nesta publicación, editada polo Consorcio de Santiago sendo alcalde Xerardo Estévez e presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne, que realizaron un breve prólogo a esta publicación editada en 1996 con gran éxito e que se esgotou rapidamente. Neste libro, José Luis Pereiro lembra os paseos pola cidade histórico os fins de semana acompañado polos seus fillo, descubrindo as obras realizadas polo seu bisavó.

 

Compartir

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.