Melloras nos servizos vinculados ás contas @coag.es

24 maio 2022

Véñense de introducir unha serie de melloras nos servizos vinculados ás contas @coag.es. Entre elas, destácase o aumento do espazo dispoñible, as funcións adicionais para realizar e gravar videoconferencias, ou a posibilidade de xerar unidades compartidas “na nube”.

Aumento do espazo dispoñible.

A capacidade de almacenamento total da conta aumenta dos 15 GB anteriores aos 150 GB. En https://drive.google.com/drive/u/1/quota pódese seguir comprobando canto espazo se está a consumir. Aproveitamos para sinalar, como boa práctica, a conveniencia de eliminar contidos non útiles da conta de forma regular. Deste xeito, independentemente do límite máximo que se teña en cada momento, o volume de información que contén a conta será máis facilmente manexable e áxil en determinados casos (exportacións, buscas xerais, descargas masivas, copias,…).

Videoconferencias (meets).

Habilítanse controis adicionais de videoconferencias e melloras na calidade do son, especialmente no relativo á cancelación de ruído (filtrado automático de sons non recoñecidos como voz). Por outra parte, habilitouse a posibilidade de gravar as videoconferencias. En relación a esta posibilidade, lembramos que a gravación de videoconferencias, nalgúns casos, pode requirir a consideración previa de aspectos relacionados coa privacidade e a protección de datos persoais.

Unidades compartidas.

Introdúcese a opción de xerar “unidades compartidas”, un espazo a través do cal, por exemplo, se pode colaborar con terceiros a través dun repositorio común de información xestionado e controlado integramente polo titular da conta @coag.es, conservando neste espazo todos os ficheiros que se xeren nel.

Compartir

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.