Ante a aplicación obrigatoria a partir do 13 de marzo do novo DB HE, fíxose pública na web oficial do CTE unha nota informativa da Subdirección Xeral de Arquitectura e Edificación do Ministerio de Fomento co obxecto de clarificar e informar sobre as cuestións que poidan xurdir en relación cos métodos informáticos para a verificación das esixencias de limitación de demanda e consumo enerxético establecidas no Documento Básico de Aforro de Enerxía DB-HE.
Na comunicación indícase o seguinte:
- Confírmase a coesxistencia das ferramentas existentes, oficiais e recoñecidas durante un período de 9 meses, seguindo os criterios técnicos do Anexo da mesma Nota Informativa.
- Esta coexistencia de ferramentas oficiais non significa unha ampliación do cumprimento das anteriores esixencias regulamentarias.
- Anúnciase de xeito oficial unha nova ferramenta oficial denominada “ferramenta unificada LIDER-CALENER”, para a verificación das esixencias 2.2.1 da sección HE0, 2.2.1.1 e punto 2 do apartado 2.2.2.1 da sección HE1.
- A “Ferramenta unificada LIDER-CALENER” estará dispoñible na web oficial do CTE no seguinte enlace.